a360grados.net

 

ENLACES INTERNOS

Editoriales universitarias

Institutos de estudios locales/nacionales

 

Editoras y revistas destacadas:

Artes plásticas

 

 


Encrucillada. Rev. Galega de pensamento cristián Nº 145
 

Nombre de la Revista: Encrucillada. Rev. Galega de pensamento cristián
Número de Sumario: 145
Fecha de Publicación: 2005/11-12
Páginas:
Sumario:

Encrucillada. Revista Galega de pensamento cristián
 

Nº 145

Volume XXIX

Novembro-decembro 2005

 

GUIEIRO

Por Agustín Díaz Blanco
 

XX FORO RELIXIÓN E CULTURA EN GALIZA

 

ESTUDOS

Presentación, por Pilar Pena Búa
Igrexa profética nun cambio de época , por Nicolás Castellanos Franco
A Igrexa hoxe, entre a utopía e a resistencia , por Nicolás Castellanos Franco
O laicado na Igrexa hoxe , por Elvira Santos Pena
Encrucillada de embrioloxía e moral , por Juan Masiá Clavel
 

ROSTROS

Paul Claudel, un artesán de Deus, por Xavier Carro
 

CRÓNICAS

Política: O engado do Estatut, por Xosé Luís Barreiro Rivas
Cultura: Visión de futuro dalgúns dos nosos rotativos, por Xoán Bernárdez Vilar
Igrexa: Recuperar a alegría...?, por Rubén Aramburu Molet
 

RECENSIÓNS

Confíteor e Ofertorio de solpores . X.C. Gómez Alfaro.
por Manuel Regal ledo.

Historia da Educación e da Cultura en Galicia. Antón Costa Rico.
por Manuel Rivas García.

 
LIBROS CHEGADOS Á REDACCIÓN

Por Engracia Vidal Estévez

ILUSTRACIÓNS

Por Soledad Pite
 

 

GUIEIRO: A personalidade, o testemuño e mailo alento profético de Nicolás Castellanos

A personalidade, o testemuño e mailo alento profético de Nicolás Castellanos encheron o Foro Relixión e Cultura en Galicia.As dúas intervencións de Nicolás Castellanos recollidas neste número da revista ofrécennos as dúas caras da mesma moeda. Fálanos dunha Igrexa misioneira, na que a xerarquía e mailo pobo de Deus teñen que dar respostas conxuntamente, dando o testemuño da fraternidade e comuñón que caracteriza a ese pobo de Deus tal como quedou retratado no Concilio Vaticano II, do que agora se cumpren os corenta nos da súa clausura.

Porque, tal como nos di Castellanos, atopámonos nunha noite escura, onde a meirande parte das persoas pertencen ao mundo dos excluídos e marxinados, que xa non contan sequera na planificación dos que teñen que decidir. A realidade enfronta a un mundo do norte que ten medios para vivir, pero non atopa razóns para existir, cos pobos do sur, que non teñen medios para vivir pero inventan cada día razóns para existir.

Neste contexto é onde Castellanos nos debuxa unha Igrexa signo e sacramento do reino. E define as condicións para que o pobo de Deus sexa realmente recoñecido como tal. Sitúa tamén á Igrexa no ámbito do mundo secular de hoxe, fronte ao poder e ás realidades políticas: o servizo ao pobre, a defensa dos dereitos humanos como acto profético, o respecto á autonomía da sociedade civil e o papel dos cristiáns para construír un mundo máis xusto.

Pola súa parte Elvira Santos fai un percorrido pola historia, para situar o papel do laico na nosa Igrexa. Partindo do Vaticano II destaca como a Igrexa é unha comunidade de iguais, pero constata que un setenta por cento dos cidadáns que en España se declaran católicos se sitúa fóra da comunidade. Reivindica o papel do laico na Igrexa e sinala a necesidade de madurar a relación co clero e coa xeraquía, para non seguir sendo tratado como nenos. Chega a preguntarse se realmente os cregos desexan que os laicos asuman o papel que lles corresponde na Igrexa. Tamén fai un percorrido polas diferentes formas que teñen os laicos para asociarse e alude ao papel da parroquia como ámbito de actuación deses grupos.

Noutro brillante estudo o xesuíta Masiá Clavel sitúa os problemas éticos que suscita o actual desenvolvemento da embrioloxía. Trátase dun estudo ao tempo asequible e profundo, que percorre as diferentes fase da evolución do embrión desde a súa concepción ata o nacemento dunha criatura.

Tamén resulta moi interesante o retrato do escritor francés Paul Claudel, como artesán de Deus, que nos fai o noso colaborador Xavier Carro. Esta figura é situada no contexto histórico e literario das primeiras décadas do pasado século e o autor presenta a confrontación vital que Claudel representa fronte a relevantes figuras da literatura francesa da súa época. .

Pola súa banda Rubén Aramburu Molet pasa revista á actualidade da Igrexa galega, sen esquecer botar unha ollada aos aires relativamente novos do Vaticano. Xoán Bernárdez recolle puntualmente o acontecer do mundo cultural galego e Xosé Luís Barreiro centra a súa crónica na avaliación do proxecto de novo Estatut catalán.

Soledade Pite ilústranos con debuxos que nos concretan ideas e concpetos desenvolvidos nas páxinas deste número.

Na sección de recensións damos conta de dúas importantes obras que espertaron o interese dos nosos colaboradores. E finalmente recollemos tamén un listado de libros chegados á nosa redacción ao longo destas semanas.

Neste número atoparán tamén o enderezo da páxina web www.encrucillada.com que se está poñendo en marcha, non sen dificultades.

Agustín Díaz Blanco

tintxu@teleline.es

 

PRESENTACIÓN DO FORO 2005: Autoridade e servizo na Igrexa.

Bos días a todos e benvidos a este vixésimo foro de Encrucillada que nos convoca nesta ocasión para dialogar acerca da “autoridade e servizo na Igrexa”, con dous convidados, Nicolás Castellanos e Elvira Santos, que cos seus relatorios abondarán no tema escollido.

Nesta presentación, seguindo o título do foro, quixera afirmar algo respecto da autoridade, que en principio pode parecer idealista e que porén responde á súa única verdadeira lexitimación, o Evanxeo, e o mandato expreso de Xesús: a autoridade é servizo na Igrexa (Mc 10, 43-45).

Como xa escribira Torres Queiruga, nesta cuestión atopámonos non ante “unha discusión teórica acerca do carácter estructurado da Igrexa nin da lexitimidade do seu servizo xerárquico. Interesa unicamente a configuración histórica desa institución e o modo concreto de exercer ese servizo”. Polo tanto non está en discusión nin a lexitimidade teolóxica da función de goberno na Igrexa nin o carácter divino da súa institución, situámonos nun plano práctico: ¿qué lastres arrastra a Igrexa que non permiten aflorar estruturas e comportamentos máis evanxélicos? ¿Por qué o exemplo e mandato de Xesús baseado na humildade, no perdón e na escoita do outro non é transparentado dunha maneira máis efectiva e viva?

Non debemos esquecer que é lóxico ata certo punto que a Igrexa, como institución, se impregne das ideoloxías propias das distintas épocas. Ou dito doutra maneira, a Igrexa faise presente no mundo conforme a un modelo eclesiolóxico determinado. Así temos diversos modelos: comunitario nos tres primeiros séculos, imperial co xiro constantiniano, señorial da sociedade feudal, monárquico-papal coas monarquías absolutas, sociedade perfecta co estado moderno decimonónico e pobo de Deus á luz do Vaticano II.

Pois ben, a vocación histórica da Igrexa, expresamente recoñecida no Vaticano II, implica capacidade de reforma, é dicir, volta as fontes: a Xesucristo e o Evanxeo, e capacidade tamén para interpretar e tomar en serio os signos dos tempos. ¿Qué significa isto para o tema que nos ocupa?

Que a unilateralidade con que desde Trento ata o Vaticano I se viña entendendo o exercicio da autoridade na Igrexa (centrada na xerarquía), sen ter suficientemente en conta a comunidade do Pobo cristián, foi superada polo Vaticano II. Este concilio pon en evidencia que semellante estrutura, a base de poderes de xurisdicción en liña descendente, non permite concibir a Igrexa como comunidade, o que se establece é a pura submisión a unhas ordes que veñen dende arriba. Como consecuencia deste modelo escribía Congar: “Aqueles aspectos de vida profunda polos cales a Igrexa aparece coma un corpo completo , animado e vivo, quedaron silenciados, sospeitosos incluso de non ser verdadeiramente católicos”.

Pola súa parte, a comunidade é o oposto o poder ou a unha autoridade contemplada soamente como poder. A verdadeira autoridade, que ten o seu xenuíno referente en Xesús, apela á liberdade do home ata o máis profundo e reclama del un si total. Porén, a autoridade mal entendida, concibida unicamente como poder, tende a suprimir a liberdade porque se xustifica dende si mesma e non por referencia aos outros.

Asoma así a violencia, disfrazada de ameazas morais, dominando conciencias, identificándose con Deus... Pero precisamente porque en Xesús se manifesta o maior e definitivo poder da historia, non é posible que Xesús se sirva de ningún tipo de violencia. O poder loita contra outro poder en competencia, mentres que o poder de Xesús pide o consenso do home. Está en xogo o futuro, a salvación do home, e non calquera outra particularidade. E así Xesús álzase en poder por medio da pobreza e do desvalemento, que non son signos de debilidade senón de fortaleza.

Desde aquí se entende a finalidade da autoridade como acrecentamento dos valores humanos porque é un servizo á esperanza; desde aquí a autoridade vólvese consciente dos seus límites, admite a crítica e recoñece que todos somos iguais.

A Igrexa como comunidade caracterízase ad intra polo autodeterminarse colectivo. Xorden así a coincidencia de intereses e pensamentos, enmarcados pola liberdade de comunicación e pola libre ligazón de cada un ao núcleo común. Por isto a comunidade é o lugar privilexiado da experiencia de sentido. Pois sentido non é senón a garantía da autonomía de cada un, nunha coincidencia que non oprime a pluralidade senón que a potencia.

Hoxe os signos dos tempos dinnos que a submisión xa non ten valor por si mesma, non é suficiente motivación saber que determinada disposición está contida nun determinado regulamento ou lei eclesiástica. Hoxe o pobo cristián quere coñecer as razóns e participar coa súa experiencia e a súa propia reflexión na elaboración das diversas disposicións ás que terá que someterse. Rexeitar estas esixencias como signo de que o “mundo moderno” invade a Igrexa e pretende pervertela, e non contemplalas como un horizonte aberto de posibilidades para poder ir na busca de novas formas intimamente ligadas o Evanxeo e á mesma renovación da Igrexa no mundo, é un erro imperdoable que, de feito, xa está pasando factura.

A sensación dentro, pero tamén fóra da Igrexa, é que interesa moito máis a orde a manter que a misión a promover. Acádase así un orden estático, cuxo ideal é manter un pasado máis que afrontar un futuro. As consecuencias son obvias: establécese un distanciamento entre o superior e o súbdito. Xogan incluso papeis distintos na sociedade eclesial: o bispo manda, o sacerdote obedece. E traspásase esta mesma concepción á relacións entre sacerdotes e laicos. A gravidade da situación trae consigo a pasividade, a dependencia infantil e tamén a insubordinación e o anticlericalismo.

Cando non hai comuñón a barreira que separa pode ser infranqueable. Con todo, a barreira desaparecería se todos os implicados se sentisen solidariamente responsables das medidas a tomar en vistas da misión común, que é a da Igrexa no mundo.

Pilar Pena Búa

 



Patrocinio - Contacto - Aviso Legal - Política de cookies - Añadir revista - Taller de Autopublicación
© 2004-2024 a360grados.net - La ciencia, la cultura y la sociedad a través de nuestras revistas
Desarrollo Web ComercialStudio.com