a360grados.net

 

ENLACES INTERNOS

Editoriales universitarias

Institutos de estudios locales/nacionales

 

Editoras y revistas destacadas:

Artes plásticas

 

 


Encrucillada. Rev. Galega de pensamento cristián Nº 144
 

Nombre de la Revista: Encrucillada. Rev. Galega de pensamento cristián
Número de Sumario: 144
Fecha de Publicación: 2005/9-10
Páginas:
Sumario:

 

Encrucillada. Revista Galega de pensamanto cristián.


Nº 144

Volume XXIX

setembro-outubro 2005

 

GUIEIRO. Por Agustín Díaz Blanco

 
INTRODUCCIÓN: ESCOLA DE ESPIRITUALIDADE

A espiritualidade hoxe, por Andrés Torres Queiruga

 
ESTUDOS:

Fe e dimensión existencial, por A. N. E.
Unha reflexión sobre o compromiso dos cristiáns e cristiás, por Mª Xosé García Prieto e Miguel Anxo Fernández Blanco
Contemplar: a quen? como? para que?, por Salvador Toro
A miña experiencia dos Exercicios Espirituais, por Pilar Wirtz Molezún
Recanto de oración, por Anxos Renieblas e Rosa Andión

ACHEGAS:

Do idealismo á harmonía. A primavera da vida, por Conchita Rodríguez Prendes
Xoán Vidal Martínez, poeta da tristeza, por Luis Alonso Girgado
Xoán Vidal Martínez, na memoria da súa filla, por Aurora Vidal Caramés


CRÓNICAS:

Política: Radiografía dun intre de cambio, por Xosé Luís Barreiro Rivas
Cultura: Sumario estival, unha esperanza e unha queixa, por Xoán Bernárdez Vilar
Igrexa: A inifinita confianza, por Rubén Aramburu Molet

 
RECENSIÓNS:

Búsqueda de Dios y sentido de la vida. Diálogo entre un teólogo y un psicológo. Victor Frankl e Pinches Lapide.
por Victorino Pérez Prieto

De la mística. Experiencia plena de la vida . Raimon Panikkar
por Victorino Pérez Prieto

A donde nos lleva nuestro anhelo. La mística en el siglo XXI . Willigis Jäger
por Manuel Regal Ledo

En defensa de los humildes y ofendidos. Los derechos humanos ante la fe cristiana
por Andrés Torres Queiruga

LIBROS CHEGADOS Á REDACCIÓN

Por Engracia Vidal Estévez

 
ILUSTRACIÓNS

Por Soledad Pite

 
GUIEIRO: A espiritualidade ten algo de fascinante

A espiritualidade ten algo de fascinante para amplos sectores sociais, mentres para outros resulta algo alleo á vida. Desde fai dez anos funciona en Galicia unha Escola de Espiritualidade que tenta abrir novos camiños neste eido, por unha senda renovadora do cristianismo. Na primeira parte deste número de Encrucillada recóllense algunhas reflexións e experiencias xurdidas ao redor desta escola, que son presentados polo director desta revista e da propia escola.

Pero neste número damos tamén acollida a outros asuntos. “Do idealismo á harmonía. A primavera da vida” é o título dunha achega de Conchita Rodríguez Prendes, que recolle o contido dun congreso que versaba sobre sobre as turbulencias no mundo actual e como afectan ás persoas no seu desenvolvemento espiritual e particularmente as teorías do escritor holandés Manfred Van Doorn. A autora do artigo conclúe o seu texto cunha cita que resume a tese do citado escritor: “Ter a columna vertebral conectada ao corazón, é dicir, o pensamento liberado unido ao sentimento, e estar abertos á compaixón é a maior contribución á futura transformación do mundo”.

A vida e obra do poeta pontevedrés Xoán Vidal Martínez, tan duramente marcada polas consecuencias da Guerra Civil, é obxecto dun traballo do profesor Luis Alonso Girgado, secretario do Centro de Investigación “Ramón Piñeiro”, que se completa cun resumo da intervención de Dolores Aurora Vidal Caramés, filla do propio escritor, no acto de homenaxe que se lle rendeu na cidade do Lérez. O profesor Alonso Girgado sitúa a Vidal Martínez dentro do contexto literario e político dos primeiros decenios do século XX e explica como esa carreira literaria –como tantas outras- se viu frustrada pola Guerra Civil e nos duros anos da posguerra. O alento poético, o amor á terra e un fondo sentimento relixioso son algúns dos trazos que destaca o crítico no seu estudo: “Amosa o poeta o seu enraizamento relixioso, a sentida presenza de Deus -“e Deus sempre á beira miña”- e tamén a constante de sentir a vida como mágoa, como soño, como soidade”.

A chegada do novo goberno é, como non podía ser doutro xeito, o eixo da crónica política que nos ofrece Xosé Luís Barreiro desde o seu Fisterra. O autor invita a darlle unha marxe de confianza aos novos gobernantes. Tamén se fai eco das máis recentes polémicas que axitan á vida económica española e galega, en torno a Gas Natural, ENDESA e FENOSA.

Xoán Bernárdez Vilar fai un resumo pormenorizado da vida cultural galega nestes meses, pragados de certames e premios literarios. E chama a atención sobre un fenómeno: a frecuente atribución de varios premios literarios á mesma obra, cando nas propias bases dos certames se esixe que os traballos presentados sexan orixinais e inéditos.

Pola súa banda Rubén Aramburu Molet pasa revista á actualidade eclesial, desde a actividade do novo Papa ata a vida relixiosa do ámbito máis próximo a nós. Dentro dela destaca os prometedores comezos do labor pastoral do novo bispo de Mondoñedo-Ferrol.

Soledade Pite ilústranos, unha vez máis, con debuxos a través dos cales a súa pluma nos fai ver con ollos de realidade concreta moitas ideas abstractas recollidas nas nosas páxinas.

Na sección de recensións damos conta de catro importantes obras que espertaron o interese dos nosos colaboradores. E finalmente recollemos tamén un amplo listado de libros chegados á nosa redacción ao longo deste verán.

 

Agustín Díaz Blanco

tintxu@teleline.es

 

INTRODUCCIÓN: A espiritualidade hoxe.

A relación coa espiritualidade constitúe unha desas contradicións que dilaceran intimamente a sensibilidade actual. Por unha banda, tense a impresión de algo etéreo, sen sustancia, alleo á vida, bo “para os anxos e os gorrións”, como da relixión dixera Heine. Pero, por outra, hai una ampla fascinación, que se manifesta de mil maneiras: desde a proliferación de espiritualidades orientais —serias unhas, banalizadas outras—, de grupos carismáticos e de reviviscencias fundamentalistas, até buscas de carácter íntimo e de grande profundidade, abertas a unha inquedanza sen nome concreto. É a marca dunha cultura ambiental, “distraída” pascalianamente por un consumismo da satisfacción inmediata e, ao tempo, con fondas fames insatisfeitas, provocadas polo choque brutal contra a superficie dunha vida chata, baleira e sen rumbo verdadeiro.

As igrexas, as relixións establecidas, que gardan ricos tesouros de experiencia espiritual, conquistados por séculos e aínda milenios de historia, non logran empatar con esas fames. Devocións anticuadas, liturxias caducas e teoloxías resesas encobren esa riqueza ou, peor, desfigúrana de tal xeito que, lonxe de aparecer como resposta, produce estrañeza e rexeitamento.

Non resulta certamente doado encontrar palabras xustas e interpretacións adecuadas. A inquedanza e mesmo o desconcerto aféctannos a todos. Ninguén pode presumir de ter xa as respostas. Tócanos vivir nun tempo de busca e tenteo, de experimentación aberta e humilde, pero sen medo ao novo e disposta á acollida. E hoxe, por sorte, hai tamén iso. Nas igrexas e fóra delas, no cristianismo e nas demais relixións hai comunidades e individuos que están a articular novas respostas, xerar novas liturxias, pensar novas maneiras de se achegar á comprensión do Misterio.

Os traballos deste número de Encrucillada responden en boa medida a un deses intentos: modesto , pero nacido da vida; sen grandes pretensións, pero “noso”, encarnado na nosa sensibilidade e pensando nas nosas preguntas. De feito, non era este o tratamento programado en principio polo comité de redacción da revista. Foi xustamente a experiencia vivida na convivencia anual da Escola de Espiritualidade, en Sobrado dos Monxes, a que nos decidiu a tomar como base o alí vivido, convivido e compartido. Viviuse unánime a sensación de que alí houbo contacto real, sintonía do espírito co Espírito, encontro na busca e palabras que falaban.

A Escola busca unha espiritualidade que intenta apoiarse na fe no Deus revelado por Xesús de Nazaré: ese Abbá que, creándonos no amor e por amor, só pensa en apoiar e promover o noso ser. Intenta polo mesmo superar os “dualismos” que tantas veces rompen a unidade da nosa vida: entre o sagrado e o profano, entre o corpo e o espírito, entre o premio e o castigo, entre o eu e os outros: en definitiva, entre nós e o Deus que só sabe, quere e pode amar, e que ten como único interese na súa creación o noso ben, a nosa realización e a nosa felicidade. Procura polo mesmo ser unha espiritualidade de “ollos abertos” sobre a realidade, os seus problemas, as súas necesidades, as súas chamadas ao compromiso e a colaboración. Por iso non quere facer grupo aparte, senón animar a que todos se inxiran nos lugares, iniciativas ou movementos no que se desenvolva a vida de cada quen.

Este propósito explica a estrutura do número, que, agás o último artigo, responde ás comunicacións que alí se fixeron.

Atendeu primeiro á experiencia individual , á espiritualidade da vida cotiá, á vivencia da fe exercida entre os traballos e os “pucheiros” teresianos; coa sorte de que resultou expresada por Asun Louzán, unha muller de sensibilidade exquisita, á que lle tocou pasar por experiencia s duramente dramáticas, pero que por iso mesmo resultan especialmente aleccionadoras: verdadeiramente a fe, cando acertamos a vivila, move montañas, pode curar as feridas máis fondas e abrir á plenitude.

O compromiso social veu en segundo lugar, como expansión espontánea e consecuente do dinamismo da fe: exercido e contado por un matrimonio xove —Miguel e María—, principalmente nun dos puntos más urxentes e dolorosos do noso panorama socio-político, a inmigración: espiritualidade en-carnada na carne dorida do próximo, “fe que obra a través do amor” (Gál 5, 6).

A vivencia contemplativa , como fonte e fondal íntimo de onde deita a auga viva do Espírito, foi exposta por Salvador Toro, como insistencia radical no realismo, facendo ver como o máis alto se manifesta no máis íntimo e profundo: “máis íntimo cá miña intimidade, máis alto cá miña máxima altura”, dixera Agostiño.

Novo, no sentido de non pronunciado alí, pero en íntimo contacto coa Escola, na que ela ten presencia animadora e constante, é o artigo de María Pilar Wirtz sobre a espiritualidade dos Exercicios ignacianos, intentando mostrar desde a propia experiencia, pero dun xeito teoloxicamente actualizado, un itinerario clásico de alimentación da espiritualidade: “camiño, verdade e vida”, o exemplo de Xesús segue a ser guía viva, concreta e creativa.

Tal é o número, con algúns complementos importantes, de modo moi especial a oración preparada por Anxos Renieblas e Rosa Andión, enriquecida polas pregarias espontáneas dos asistentes na calor fraterna da celebración. Semente modesta, ofrecida á acollida xenerosa de cada lectora e cada lector. Eles e elas verán o modo de a facer xermolar na propia vida e dar froito e abeiro nun ambiente, que, a pesar das aparencias, a espera como se espera a chuvia.

 

Andrés Torres Queiruga
 



Patrocinio - Contacto - Aviso Legal - Política de cookies - Añadir revista - Taller de Autopublicación
© 2004-2024 a360grados.net - La ciencia, la cultura y la sociedad a través de nuestras revistas
Desarrollo Web ComercialStudio.com